miércoles, 20 de octubre de 2010

Un recordo para Andrés Pazos e unha aperta para Carlos Penelas

Dona Diáspora non pode atender aos moitos convites que recibe. Aínda que o seu desexo é de asistir aos actos culturais que lembren aos emigrantes que fixeron patria fóra, ten que desculparse porque a verdade é que non dá feito. Son ducias de celebracións conmemorativas que fortalecen o espírito ao comprobar que os nosos herdeiros non esquecen o esforzo realizado polos xenerosos albaneis no exterior. Sinte ben non poder agradecerlle persoalmente ao sobriño mexicano de Manuel Díaz González o seu libro “Sementeira e Memoria”. Represalia e desagravio dun medico lucense republicano”. Tamén quixera escoitar ao bo mozo Pedro do Xastre que con 95 anos e moi boa memoria recorda aquel tristeiro 11 de setembro de 1936 cando fusilaron ao médico dos pobres na aldea de Laoisa [O Incio].

Carlos Penelas y Manuel Suárez Suárez

Tampouco puido estar por Montevideo para lembrar o cumpreanos de don Mario Benedetti e participar nos festexos do Día do Patrimonio que foi dedicado ao teatro e aos seu protagonistas. O que non esqueceu foi ao inesquecible Eduardo Mateo que cumpriría 70 anos o 19 de setembro. A celebración foi sinxela de acordo co xeito de ser do egrexio compositor e consistiu en escoitar o tema “Llamada” de Ruben Rada na compaña da guitarra de Mateo. Non sabe se son certas as novas sobre que na querida República Oriental do Uruguai estáse a falar de que o “Aeroporto Internacional de Carrasco” sexa “Aeroporto Internacional Mario Benedetti”. Os que coñeceron a don Mario saben que non está de acordo porque non lle parece xusto recibir semellante distinción por enriba de grandes figuras da literatura uruguaia. O emigrante Benedetti confórmase con que unha escola de Paso de los Toros leve o seu nome. Agora mesmo está comentando con Horacio Quiroga que habrá que buscar un emisario que se achegue ao presidente Mujica para pedirlle que non modifiquen os letreiros porque é “una guita que se gasta al pedo”.

Dona Diáspora tivo a oportunidade de non esquecer aos emigrantes riopratenses ao ser convidada para participar na homenaxe ao actor Andrés Pazos na “Semana Internacional de Cine de Autor” que se desenvolveu na capital lucense entre o 26 de setembro e o 2 de outubro. A sensibilidade dos esforzados lucenses Manuel Curiel Fernández e Xulio Xiz Ramil fixo posible que un apartado da “Semana Internacional” fose unha lembranza dun grande actor que triunfou no Uruguai e en Galicia. Os asistentes puideron aplaudir o talento de Andrés en dous filmes uruguaios: Whisky [2004] e Matrioshka [2008]. A primeira foi un grande éxito que recibiu moitos premios, entre eles o do Goya á Mellor Película Estranxeira de fala hispana. A segunda é unha curtametraxe na que fixo a súa derradeira interpretación.

En xaneiro deste ano íase camiño do alén o irmán Pazos a quen o fotógrafo arxentino Ignacio Naón Pomiró inmortalizou en dúas fotografías históricas no boliche montevideano “Su Bar” da esquina de Maldonado e Jackson. Se imos ás páxinas 254 e 375 do libro “Galicia en Uruguay” gardaremos dous fermosos recordos de Andrés. Vémolo sentado diante dun cortado en vaso na mesa que compartiu con Juan Pablo Rebella e Pablo Stoll---os directores de “Whisky”--- e logo de pé apoiado co brazo dereito no mostrador ollando con atención para un xesto que fai Pepe Pita, o propietario do establecemento. Moi preto deste agora “Su Bar”, exactamente no número 1234 da rúa Jackson, viviu o matrimonio de Morgadáns [Gondomar-Pontevedra] formado por Peregrina Gonda e Xoaquín Alonso que foron durante más de 30 anos seareiros do pontevedrés Fernández que fundara aquí o seu almacén de comestibles, froitas e verduras. Xoaquín foi tesoureiro do Patronato da Cultura Galega e amigo de Andrés que sempre colaborou desinteresadamente nas actividades culturais desta activa entidade cultural.

Unha boa alegría para dona Diáspora foi a de que o vello amigo Carlos Penelas viñese por Galicia. Trátase de agarimar a un gran poeta con recoñecida traxectoria na Arxentina que ademais é daqueles que saben onde están as orixes. Cando falamos de Penelas estamos dicindo nobreza, honradez e talento ao servizo das raíces que emigraron nos corazóns de María Manuela Abad e Manuel Penelas. A verdade é que da mestura emigrante entre as augas das fontes de Santa Olaia da Espenuca [Coirós-A Coruña] e de Santo André de Rante [San Cibrao das Viñas-Ourense] tiña que saír unha lírica especial en terras riopratenses. Disque os pais de Carlos axiña se aclimataron porque vivían nun lugar moi galego por nome e poboadores. O noso poeta naceu en Piñeiro, un barrio do porteño concello de Avellaneda que desde finais do século XIX foi terra sementada polo sangue de Galicia.

Nesta viaxe o poeta falará pouquiño con Santiago Apóstolo. Non quere quitarlle tempo xa que sabe está moi atarefado atendendo aos milleiros de peregrinos que se achegan pola catedral compostelá. O comentario do poeta é máis ou menos o seguinte: Síntome orgulloso dos meus fillos, son mois bos rapaces. O Santo Patrono ---sempre ben informado--- pregunta se Emiliano está satisfeito polo traballo realizado en “Huellas y Memoria de Jorge Prelorán” e se Lisandro recibe moitos aplausos pola súa actuación en “Vientos que zumban entre ladrillos”. Antes de despedirse acórdase de Favaloro: Quero que saibas, Carlos, que rezo polo doutor todos os días”. O noso poeta sae da catedral pensando en que o Apóstolo é home sabio que poida teña no barrio da Boca unha activa embaixada espiritual no “Santuario de Nuestra Señora de los Inmigrantes”.

Os veciños da parroquia teense de San Xoán de Calo poderán escoitar a Carlos Penelas en dúas charlas ben diferentes. A súa primeira intervención terá lugar na sede social da Sociedade Recreativa e xirará arredor da figura do doutor René Favaloro, o cirurxán arxentino que salvou milleiros de vidas coa súa técnica da ponte aortocoronaria. O xenial cardiólogo merecía o Premio Nobel de Medicina pero ao parecer vivía un pouco lonxe dos centros científicos e quedou sen el. Por se fora pouco tiña que soster a súa Fundación loitando contra a corrupción e os intereses económicos. O noso Carlos foi colaborador del durante más de 20 anos e coñece de primeira man o acontecido para que rematase coa súa propia vida.

A segunda intervención será enteiramente lírica e fará que os asistentes viaxen polo miradoiro da Espenuca ao mesmo tempo que o fan pola praza Rodríguez Peña de Bos Aires. O alcalde Noriega Sánchez estará entre os asistentes e será un dos que máis aplauda porque atopará que en Carlos Penelas “están los reinos del exilio, las gaitas, las cruces del cenobio, la bizarra bondad”. Os muros de pedra do acolledor local municipal no lugar da Igrexa, escola unitaria noutros tempos, gardarán para sempre a voz do poeta cando lembre ao pai galego que falaba “de compartir el pan, del sudor en la frente”. O señor alcalde de Teo non esquecerá indicarlle que no alto de Montouto pode fotografar, indo para Santiago á man dereita, un letreiro co seu mesmo apelido paterno. Cando Carlos volva para o sur deixará en todos aqueles que o escoitaron as rexas voces dos seus avós Pedro e Tomás que “llevaban en la sangre el honor, la palabra, la brisca”.

Manuel Suárez Suárez
Que pasa na Costa, miércoles, 20 de octubre do 2010

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Taller literario